Sunday 12 de May de 2024

A Xunta de Galicia acometerá 21 obras de ampliación, mellora e reforma en 17 centros educativos da Coruña, grazas a un investimento dde 18,6M€


— Román Rodríguez subliña que este “amplo paquete de obras” permitirá avanzar cara “infraestruturas máis modernas e confortables que respondan aos retos tecnolóxicos e de sostibilidade”

— Salienta o compromiso do Goberno galego coa Formación Profesional, xa que se van ampliar os catro centros integrados da cidade por importe de 6,6M€

— Entre as obras de maior envergadura destacan as rehabilitacións integrais dos colexios Sagrada Familia e Víctor López Seoane e do Instituto Eusebio da Guarda

— Tamén se levarán a cabo importantes melloras sectoriais nos institutos Salvador de Madariaga e Otero Pedrayo e ampliarase o IES Agra do Orzán

O conselleiro de Cultura, Educación, FP e Universidade, Román Rodríguez, acompañado polo delegado territorial da Xunta na Coruña, Gonzalo Trenor, anunciou hoxe un investimento de arredor de 18,6M€ en 21 actuacións de ampliación, mellora e reforma en 17 centros educativos da cidade herculina, que comezarán a desenvolverse a partir do próximo ano 2024. Fíxoo nunha reunión coas direccións dos centros para informarlles de primeira man sobre os plans previstos.

Román Rodríguez explicou que este “amplo paquete de obras” responde ao compromiso da Administración autonómica coa “aposta pola mellora continua” do sistema educativo que se manifesta, ademais de en programas específicos, en “infraestruturas máis modernas e confortables que respondan aos retos tecnolóxicos e tamén aos retos de sostibilidade do século XXI”, en liña co establecido no Plan de Nova Arquitectura Pedagóxica.

Do total de actuacións, en once delas xa están máis avanzados os trámites administrativos e, segundo avanzou o conselleiro, vanse licitar antes de que remate o ano. Trátase da reforma do salón de actos do Centro Integrado de FP Imaxe e Son, por un importe de 956.491 euros, da substitución da cuberta do Colexio CEIP María Pita (378.538 euros), da renovación das fiestras no IES Agra do Orzán (300.976 euros), da substitución de cubertas no IES Fernando Wirtz Suárez (607.702 euros) e de melloras sectoriais nos IES Ramón Menéndez Pidal (752.891 euros) e A Sardiñeira (414.370 euros).

Ademais, xa en 2024, está previsto licitar dúas obras no IES Salvador de Madariaga (unha mellora sectorial por un importe de 1.716.038 euros e a cubrición da pista polideportiva (500.000 euros), así como a rehabilitación integral do Eusebio da Guarda (1,45M€), e melloras sectoriais do IES Ramón Otero Pedrayo (956.491 euros) e do Rafael Dieste (625.000 euros). Tal e como explicou o conselleiro, todas estas actuacións suman un investimento total de 8,6M€ por parte da Xunta de Galicia.

Por outra parte, hai outro paquete de obras, cunha estimación aproximada de 10M€, para a redacción dos proxectos de dez actuacións. Trátase das rehabilitacións integrais dos colexios CEIP Sagrada Familia (1,5M€) e CEIP Víctor López Seoane (1M€) e do Centro Integrado de FP CIFP Ánxel Casal-Monte Alto (2M€) e das ampliacións do centros integrados de FP CIFP Imaxe e Son (3M€) e CIFP Paseo das Pontes (500.000 euros) e do Instituto IES Agra do Orzán (1.250.000 euros).

Así mesmo, tal e como detallou o conselleiro, tamén o vindeiro ano está previsto acometer o peche da pista cuberta do Colexio CEIP San Pedro de Visma (150.000 euros) e o peche lateral da pista cuberta do Colexio CEIP María Pita (200.000 euros), a reforma da cuberta de talleres do Centro Integrado de FP CIFP Someso (200.000 euros) e o cambio de cuberta do Colexio CEIP Sal Lence (200.000 euros).

Reforzo da FP
Así pois, o conselleiro de Cultura, Educación, FP e Universidades puxo en valor a importancia de todas estas actuacións “que abranguen desde colexios ata institutos e centros de FP”. De feito, destacou que a Xunta prevé actuar nos catro centros integrados de FP cos que conta A Coruña.

“Tan só as obras destes CIFP absorben un orzamento de máis de 6,6M€ que van directamente á mellora das instalacións e dos talleres ao servizo das ensinanzas de Formación Profesional”, abondou.

Máis de 22,4M€ desde 2009
Román Rodríguez salientou que todas estas obras previstas para o vindeiro 2024 “complementan a mellora continua e constante ano a ano durante máis dunha década por parte da Xunta na cidade da Coruña”. Proba diso é o investimento de máis de 22,4M€ desde 2009 que permitiron melloras en 45 colexios e institutos, entre as que destacan a construción do Colexio CEIP Novo Mesoiro, as rehabilitacións integrais dos institutos Eusebio da Guarda e Monelos ou actuacións como a renovación das cubertas dos colexios Curros Enríquez, Alborada e San Pedro de Visma, entre outros.

Así mesmo, nestes momentos está en marcha a instalación de ascensores en catro colexios e institutos por un importe de 403.000 euros. Trátase dos dos colexios Víctor López Seoane e San Francisco Javier e dos institutos Monte das Moas e Urbano Lugrís.